domingo, 14 de janeiro de 2007

Instituto de Estudos das Identidades e Arquivo do Património oral




Instituto de Estudos das Identidades (IEI)

Este interessante projecto de pesquisa, criado no âmbito do Museu do povo galego, apresenta-se desta forma :

En maio de 2005 o Padroado do Museo do Pobo Galego decidiu crear o (IEI), como un departamento do propio Museo. Entre os fins do IEI está o de establecer e desenvolver liñas de investigación e de intervención sociocultural nos diferentes ámbitos que lle son propios ao Museo, con especial atención ao estudo interdisciplinar da identidade galega e da súa interrelación ou comparación con outras identidades. Ao mesmo tempo, preténdese contribuír ao estudo e á formulación de posibles solucións para aqueles problemas que teñan especial relevancia para a sociedade galega, estimular a colaboración estable de novos investigadores e técnicos no marco do Museo, e promover a formación en xestión cultural.


En consecuencia con estes fins, o IEI organizará de forma periódica unha serie de foros de debate sobre temas de actualidade. O primeiro destes foros, baixo o título Territorio, Paisaxe e Identidade, ponse agora en marcha. Logo dunha primeira fase de discusión en rede ao longo do mes de xaneiro, sábado 3 de febreiro de 2007 terá lugar unha sesión pública na sede do Museo do Pobo Galego.


As persoas interesadas en participaren no foro en rede pódense rexistrar a través deste enlace.

http://foro.imaxin.com/


Participantes no foro Territorio, paisaxe e identidade


Marcial Gondar Portasany. Universidade de Santiago de Compotela, catedrático de Antropoloxía social

Doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciado en Socioloxía pola Universidade La Sapienza de Roma. Membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e do IEI; membro da European Association of Social Anthropology. Autor de numerosas publicacións individuais e colectivas, entre as que cabe mencionar Antropoloxía aplicada, Santiago, USC, 2003; Crítica da Razón Galega. Entre o Nós-mesmos e o Nós-outros, Vigo, A Nosa Terra, 1993; Espiritados. Ensaios de Etnopsiquiatría galega (en colaboración con E. González), Santiago, Laiovento, 1992; Mulleres de mortos. Cara a unha antropoloxía da muller galega, Vigo, Xerais, 1991; Romeiros do Alén. Antropoloxía da morte en Galicia, Vigo, Xerais, 1989; A Morte, O Castro, Sada, Museo do Pobo Galego, 1987.


Federico López Silvestre. Universidade de Santiago de Compotela, Depto. de Historia da Arte

Doutor en Historia da Arte e profesor de Historia das Ideas Estéticas Modernas e Contemporáneas pola USC. As súas investigacións xiran en torno á idea da paisaxe, o gusto estético e o cambio da percepción provocado polas novas tecnoloxías no mundo contemporáneo. Entre as súas publicacións destacan os libros El paisaje virtual. El cine de Hollywood y el neobarroco digital (2004) e El discurso del paisaje. Historia cultural de una idea estética en Galicia (2005); e o capítulo “A xénese da paisaxe” en A paisaxe contemporánea (2006). Actualmente dirixe varios proxectos de investigación sobre a paisaxe na USC, entre eles A percepción da paisaxe urbana en Galicia (2005-2006). É membro da xunta directiva da Asociación de Arte e Estética Contemporánea. Canda a María Luisa Sobrino dirixiu as xornadas Novas estéticas da paisaxe. O eixo atlántico, celebradas no CGAC (2006) e a publicación do mesmo título.


Joan Nogué. Universitat de Girona, catedrático de Xeografía humana

É especialista en estudos de paisaxe e en pensamento xeográfico e territorial. En 1984 defendeu na Universitat Autònoma de Barcelona a primeira tese de doutoramento do Estado español sobre percepción da paisaxe. Posteriormente a súa actividade académica neste ámbito veu sendo constante. Dirixiu por encargo do Caixa Fòrum o ciclo Territoris i Paisatges entre la nostàlgia i la modernitat, como complemento da magna exposición Turner i Venècia. Actualmente dirixe o Seminari Internacional sobre Paisatge que a UIMP celebra anualmente en Olot (Girona). Codirixe a colección “Paisaje y teoría” na editorial Biblioteca Nueva de Madrid. En xaneiro de 2005 foi nomeado director do Observatori del Paisatge de Catalunya (www.catpaisatge.net)


Albino Prada Blanco. Universidade de Vigo, Depto. de Economía aplicada

Doutor en Economía e profesor de Economía de Galicia. Chegou á Universidade viguesa no momento da súa fundación, despois de ter exercido na empresa privada e na ensinanza secundaria. En 1979 recibiu o Premio da Crítica Galicia pola obra A outra economía galega e, dende entón, ten publicado diversos títulos que afondan no tema, así como dirixido numerosas investigacións sobre recursos naturais ou problemas ambientais (enerxías renovables, biomasa, mareas negras...). Dirixiu o estudo “Valoración económica del patrimonio natural” para a Fundación Barrié de la Maza (2001). É colaborador de La Voz de Galicia.


Coordinador: Xerardo Estévez Fernández, arquitecto

Estudou arquitectura na Escola Técnica Superior de Barcelona. Establecido en 1972 en Compostela, exerceu como arquitecto e urbanista e realizou traballos de investigación sobre arquitectura, planeamento e patrimonio. Entre 1983 e 1998 foi alcalde de Santiago de Compostela. En 1999 reintegrouse á práctica profesional, que simultanea coa actividade como conferenciante e escritor. Colabora con El País e La Voz de Galicia. É socio do Museo do Pobo Galego e patrón da Fundación Antonio Fraguas Fraguas.

1 comentário:

Seguidores

Povo que canta não pode morrer...

Arquivo do blogue

Pesquisar neste blogue